Covid e alimentos: resumo webinario RISEGAL

Desde 2018, RISEGAL organizou diferentes eventos presenciais co obxectivo de xerar foros de discusión entre os diferentes expertos de seguridade alimentaria: organismos oficiais, empresas do sector, membros da academia e profesionais do ámbito sanitario

Nesta ocasión, e dadas as condicións de pandemia causada polo virus SARS-Cov-2, a Rede puxo en marcha unha xornada virtual titulada “Reflexións sobre as implicacións da COVID19 en seguridade alimentaria”. A xornada celebrouse o 24 de marzo e tivo unha boa acollida.

Ana Canals, Asesora Internacional Científica da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), abriu a xornada e comentou que a pandemia puxo a proba o sistema alimentario en Europa que, por unha banda funcionou ben e mostrouse resiliente e por outra, permitiu reflexionar sobre o que podía pasar en caso contrario.

Como punto de contacto da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) en España, transmitiu a información de que na UE está a levarse a cabo a nova estratexia “Da Granxa á Mesa” que implicará un novo Regulamento Marco. Durante o período 2020-2023 deseñarase unha lexislación alimentaria que terá máis en conta aspectos como a sustentabilidade e a nutrición, entre otros.

No primeiro relatorio, Mª Rosario Martín de Santos fixo unha ampla recompilación dos datos publicados, tanto en revistas científicas como en medios de comunicación xeneralistas, sobre as vías de transmisión do virus e en concreto a relacionada coa manipulación de alimentos.

Por inferencia con outras enfermidades de transmisión alimentaria que se producen por vía fecal-oral, cre que se deberían dirixir máis estudos para cuantificar a posible incidencia deste tipo de transmisión no sector alimentario a nivel mundial. Isto redundaría en formación para os manipuladores de alimentos e na mellora das boas prácticas de hixiene en xeral.

Avanzando neste senso citou 2 exemplos: a Axencia Francesa para a Seguridade Alimentaria e o medio Ambiente (anses) coordina un un proxecto en plantas de procesado de carne para determinar que factores poden favorecer a dispersión do virus. E en España, o goberno publicou unha Guía para a prevención e control da covid-19 en industrias da carne en novembro de 2020.

Con todo, en opinión da experta a magnitude da vía de transmisión fecal-oral do virus da covid non é comparable coa vía aérea.

Ana Canals interveu para poñer de manifesto que as autoridades sanitarias de distintos países europeos (por exemplo o BfR) e mesmo a EFSA indican que, despois dun ano de pandemia, segue sen haber evidencias científicas que relacionen os alimentos coa transmisión do virus. Con todo, si que consideran que se debería seguir vixiando esta posibilidade.

En España tamén AESAN fai un seguimento deste virus en relación cos alimentos. En novembro de 2020, celebrou unha reunión para a posta en común da información e opinión de varios especialistas en distintos aspectos da alimentación en relación coa pandemia. Nesta reunión anunciouse que o comité científico de AESAN está a elaborar un informe sobre a seguridade alimentaria e o SARS-CoV-2 que se publicará en breve.

 

No segundo relatorio, Jesús L. Romalde (JLR) presentou resultados da detección de SARS-Cov-2 en augas residuais. Un dos proxectos nos que participa o seu grupo de investigación é VATAar COVID-19 financiado polo Goberno de España. Este dispón dunha ferramenta a tempo real que permite visibilizar, por un código de cores, a situación de cada unha das estacións de mostraxe.

O investigador comentou que os resultados obtidos neste tipo de estudos levaron a Comunidade Europea a recomendar que se usen estes datos con fins epidemiolóxicos. Como exemplo, proxectou unha gráfica na que se comparaban os resultados da presenza de 2 secuencias do material xenético do SARS-COV-2 nas augas residuais coa evolución dos casos positivos na poboación. Claramente esta presenza producíase como termo medio, entre 7 e 10 días antes de que ser rexistrasen os positivos por covid nesa zona.

JLR aclarou que as súas análises detectan material xenético e, por tanto, non poden asegurar a presenza do virus, nin que este teña capacidade infectiva. O que si avanzou é que o tratamento das augas na EDAR reducen ao mínimo a concentración das partículas víricas.

O SARS-COV-2, a diferenza doutros virus transmitidos pola ruta fecal-oral, é un virus envolto, o que o fai sensible a factores ambientais como a luz ultravioleta. Por tanto, considérase que a probabilidade este tipo de transmisión no medio mariño é Baixa.

 

Ferramenta VATar COVID-19

 

No terceiro relatorio, Clara Ana Medina expuxo algúns datos dunha enquisa realizada en España durante os períodos de confinamento e post confinamento, relacionada coa compra e a valoración do sector da alimentación. A relatora colabora coa “Mesa de participación de asociacións de consumidores” que conta con resultados de enquisas realizadas en anos precedentes á pandemia cos que se puido facer a comparativa dos hábitos de compra e os factores que a condicionan.

Clara apuntou que a experiencia vivida neste último ano, fíxonos aos consumidores máis conscientes de que somos vulnerables e de que os factores ambientais e sociais inflúen na nosa vida. Tamén nos fixo valorar o “benestar” anterior á pandemia. En xeral, o consumidor mostrouse consecuente coa situación e valorou positivamente a todos os elos da cadea alimentaria.

Como conclusións xerais indicou que nesta época de pandemia: vaise menos a mercar; que a compra se reparte entre varios establecementos e que aumentou a compra e a confianza por vía dixital. Os aspectos máis valorados polos consumidores son a calidade (incluída a seguridade), a proximidade e o prezo.

Así mesmo, apuntou que o 93% pensa que o desperdicio dos alimentos é un problema importante e está cada vez máis implicado no coidado do medio ambiente, por exemplo a través dos seus hábitos de separar para reciclar. Tamén lle importan os factores de sustentabilidade como valorar a orixe do produto e o modo en como se procesa.

 

Enquisa de Hábitos de Consumo 2020