Risegal
Rede galega RISEGAL
Nace no ano 2017 como unha oportunidade de canalizar o coñecemento de diversos expertos en seguridade alimentaria da comunidade autónoma galega. Está formada por un grupo de traballo multidisciplinar cun elevado potencial sinérxico, con capacidade de desenvolver liñas de investigación que permitan deseñar estratexias preventivas que incrementen a seguridade do consumidor e reforcen a competitividade do sector industrial galego.
RISEGAL conta ademais coa colaboración do sector agroalimentario de Galicia, a través do Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) e da Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública (RGVSP), responsable de monitorizar e controlar os problemas de saúde da poboación galega.
RISEGAL obtivo unha axuda económica,en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para a creación desta plataforma científica que nace con proxección de futuro e expansión a nivel estatal e internacional.

Misión
A rede galega RISEGAL ten como misión identificar novos riscos (“emerxentes”) para a seguridade alimentaria ao longo da cadea dos alimentos producidos ou comercializados en Galicia e propor accións a fin de garantir a súa salubridade. Con isto, preténdese reforzar a seguridade do consumidor e o sector agroalimentario galego.

Obxectivos
Recompilar o coñecemento existente sobor de riscos emerxentes en seguridade alimentaria e definir carencias e necesidades específicas da Comunidade Autónoma Galega.
Identificar riscos químicos e microbiolóxicos emerxentes que poidan chegar a comprometer a seguridade alimentaria en Galicia.
Identificar os factores impulsores dos riscos emerxentes en seguridade alimentaria en Galicia, con especial atención ao cambio climático, a crise económica, os cambios en hábitos de consumo, o envellecemento da poboación, a resistencia a antibióticos, a globalización e a migración, entre outros.
Examinar os riscos emerxentes identificados mediante a combinación de estudos exploratorios a tempo real e estudos de prospectiva ou de futuro para prever futuros escenarios de risco e estimar o seu su impacto social, económico e ambiental.
Propoñer recomendacións e solucións ou accións con base científico-técnica que permitan prever os riscos potenciais ou reducilos a niveis aceptábeis.