Preocúpanos a presenza de contaminantes químicos nos alimentos?

A percepción de risco de contaminantes químicos en alimentos

Durante unha semana do mes de novembro, todos os países do mundo participan na campaña de “Concienciación sobre o uso dos antibióticos”. Estes e outros contaminantes químicos poden introducirse na cadea alimentaria e constituír un problema de saúde. A opinión dos consumidores sobre estes compostos é un tema de interese para os profesionais que traballan en seguridade alimentaria e, por iso, deséñanse enquisas sobre alimentación que inclúen estes e outros temas de seguridade.

Como percibe a poboación galega e europea a presenza de certos produtos químicos nos alimentos?

A nivel europeo realizouse en 2019 unha ampla enquisa sobre seguridade alimentaria que incluía novas perspectivas en materia de percepción de riscos. Como se pode ver na táboa, houbo unha lixeira diferenza entre os enquisados españois e a media europea con respecto á preocupación pola presenza de antibióticos, hormonas, esteroides, praguicidas ou contaminantes ambientais nalgúns alimentos.

 

A Rede Galega de Riscos Emerxentes en Seguridade Alimentaria (RISEGAL), tamén no ano 2019, fixo unha serie de enquisas sobre percepción de risco de determinadas cuestións relacionadas coa seguridade alimentaria na comunidade galega. Algunhas destas cuestións estaban relacionadas coa presenza nos alimentos de compostos químicos prexudiciais, ben por acción directa do home ou como consecuencia dun medio ambiente contaminado. Nesta enquisa, o 78 % dos participantes indicaron unha gran preocupación pola presenza de contaminantes químicos (praguicidas, antibióticos ou outros) nos alimentos e un 86% pola contaminación do medio.

Que seguimento oficial se realiza destes contaminantes?

A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) fai un seguimento periódico da presenza de determinados contaminantes químicos nos alimentos en países membros da Unión Europea, Islandia e Noruega. Así por exemplo, no informe sobre a presenza de praguicidas nos alimentos de 2018 sinalábase que, o 1.7% dos produtos de orixe animal excede o límite máximo de residuos (LMR), sendo cuantificable a presenza destes nun 12.2% das mostras analizadas. Nestes alimentos, os contaminantes orgánicos persistentes (COPs) solubles na graxa son os que se atopan en maior proporción. Pero en xeral, considerando todos os alimentos analizados, o informe indica que o 95.5 % deles estiveron por baixo de LMR, sendo as uvas de mesa e os pementos os alimentos que superaron ese límite en máis ocasións.

Outro tema de preocupación a nivel  mundial é o mal uso dos antibióticos, principalmente pola aparición de microorganismos cada vez máis resistentes fronte a un maior número destes compostos. Aínda que o uso de antibióticos como promotores do crecemento en produción animal prohibiuse na UE en 2006, o volume de uso continúa sendo elevado, mesmo maior que en sanidade humana. A isto contribuíu sensiblemente a súa aplicación con fins profilácticos ou metafilácticos. Con todo, recentemente acordouse prohibir este uso rutineiro dos antibióticos a partir de 2022, así como reservar o uso de certos antibióticos críticos para o tratamento de seres humanos e esixir que os produtos importados cumpran as normativas europeas.

Grazas ás medidas adoptadas en Europa, pódese observar unha tendencia á baixa nos últimos anos, tanto no consumo en sanidade humana, como de venda para sanidade animal, dos compostos antimicrobianos. Como se pode ver nas gráficas,  España é un dos 30-31 países europeos cuxo valor está por encima do valor medio.

Con todo, actualmente a presenza de residuos de antibióticos nos produtos de gandaría  non debería representar un problema para a saúde, xa que existe unha lexislación clara a este respecto antes de pór un produto no mercado.

Doutra banda, a contaminación do medio non só é un problema en si mesmo senón polo impacto que ten na seguridade alimentaria. O tipo e a cantidade de tóxicos varían entre hábitats ao longo do tempo e é necesario coñecer o risco potencial que supoñen para a saúde. Así por exemplo, no medio mariño os organismos poden vivir en presenza de elementos tóxicos, disruptores endocrinos, retardantes de chama bromados, cosméticos, hidrocarburos aromáticos policíclicos, microplásticos e toxinas mariñas. Actualmente, estes contaminantes estanse monitorizando e analizando para poder determinar os seus niveis e avaliar os posibles efectos tóxicos.

Para que serve a opinión dos consumidores sobre os riscos alimentarios?

Os estudos sobre percepción de risco dos cidadáns son moi interesantes porque permiten valorar as desviacións da realidade, tanto por exceso como por defecto. É dicir, nalgúns casos percibirase como un risco algo que non o é desde o punto de vista científico e noutros, ao contrario. O comportamento social en función de risco percibido pode constituír un problema de saúde pública e, por iso, a análise dos resultados obtidos permite ás autoridades competentes tomar decisións para minimizar o risco alimentario

 

Bibliografía consultada:
EFSA. Special Eurobarometer Report “Foodsafety in the EU”. April 2019. ISBN978-92-9499-082-2. doi:10.2805/661752
The 2018 European Union report on pesticide residues in food. doi: 10.2903/j.efsa.2020.6057
Antimicrobial consumption – Annual Epidemiological Report for 2019. (ECDC)
Sales of veterinary antimicrobial agents in 31 European countries in 2018. Tenth ESVAC report. European Medicines Agency
Reglamento (UE) 2019/6 del parlamento europeo y del consejo de 11 de diciembre de 2018 sobre medicamentos veterinarios y por el que se deroga la directiva 2001/82/ce
Reglamento (UE) 2017/625 del parlamento europeo y del consejo, de 15 de marzo de 2017, relativo a los controles y otras actividades oficiales realizados para garantizar la aplicación de la legislación sobre alimentos y piensos, y de las normas sobre salud y bienestar de los animales, sanidad vegetal y productos fitosanitarios.
Reglamento (CE) no 1831/2003 del parlamento europeo y del consejo de 22 de septiembre de 2003 sobre los aditivos en la alimentación animal
Vandermeersch G. et al. 2015. Environmental contaminants of emerging concern in seafood – European database on contaminant levels. Environmental Research 143(B): 29-45.