Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública (RGVSP-Xunta de Galicia)

Presentación

A Vixilancia en Saúde Pública (VSP) defínese como o conxunto de actividades encamiñadas a recoller, analizar, interpretar e difundir a información relacionada co estado de saúde da poboación e os factores que a condicionan, co obxecto de fundamentar as actuacións de saúde pública (Lei 30, Xeral de Saúde Pública). En definitiva, a VSP é o que se resumiu como “Información para a acción”.

A Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública (RGVSP) constituíuse no ano 1998, a través do Decreto 177/1988, do 11 de xuño, baixo a dependencia da Consellería de Sanidade. A súa finalidade é a de identificar e caracterizar problemas de saúde na poboación galega, para facilitar o seu control, sexa con medidas individuais ou colectivas.
As funcións da RGVSP definidas no decreto son:

  • Obter e xestionar a información relevante para o control dos problemas de saúde sometidos a vixilancia.
  • Realizar a análise epidemiolóxica.
  • Identificar novos problemas de saúde.
  • Realizar e propoñer os estudos precisos para coñecer mellor os problemas de saúde e o xeito de controlalos.
  • Favorecer o desenvolvemento das medidas de control destes problemas.
  • Avaliar ou participar na avaliación das estratexias de intervención dedicadas ao control.
  • Difundir a información.

Porén, dende a súa creación a RGVSP tivo avances nos eventos sometidos a vixilancia, naquel momento cun claro predominio da vixilancia das enfermidades transmisibles, fundamentalmente aquelas de notificación obrigatoria e a investigación de brotes epidémicos, entre eles os das enfermidades de orixe alimentaria, e ao longo do tempo foron incorporándose outros eventos de saúde ou factores como os determinantes das enfermidades non transmisibles, mediante o Sistema de Información sobre Condutas de Risco (SICRI); certas enfermidades crónicas a través do Sistema de Vixilancia das enfermidades Crónicas (SVEC-G) ou ambientais, como a Vixilancia de Temperaturas Extremas (vaga de calor) en colaboraciónde Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Igualmente, nas enfermidades transmisibles tamén houbo cambios incorporándose novas enfermidades ou infeccións, segundo acontecían novos problemas como o dos Coronavirus ou gripe aviar AH5N1, a necesidade de vixiar as resistencias aos antimicrobianos, como a das enterobacterias produtoras de carbapenemasas, ou polos cambios necesarios para adaptarse aos regulamentos europeos nas enfermidades de declaración obrigatoria.

A RGVSP segue no seu desenvolvemento, encamiñado a acadar os principios establecidos pola Lei Xeral de Sanidade para a Vixilancia en Saúde Pública, e compre salientar que a vixilancia de certos factores, e moitas veces o seu control, pode transcender á propia organización de saúde pública, como é o caso da vixilancia das desigualdades, da vixilancia de certos riscos
ambientais, de riscos relacionados co traballo, etc.

A información sobre a vixilancia, datos e programas de control pode consultarse na web da Dirección xeral de Saúde Pública