Investigación da Covid-19 en Galicia

Jesús Romalde é catedrático do departamento de é catedrático do departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. A súa actividade investigadora centrouse en diversos aspectos dos microorganismos presentes no medio mariño, ente eles algúns virus que son causantes de enfermidades de transmisión alimentaria.

Aínda que non se considera un experto no virus causante da Codvid-19, seguiu de cerca a evolución desta pandemia no mundo.

Como profesor en microbioloxía pedímoslle que nos explique e nos de a súa opinión sobre a irrupción deste patóxeno no ciclo de vida do ser

 

Cal é a diferencia na denominación SARS-CoV-2 e Covid-19 para este virus pandémico?

SARS-CoV-2 é o nome do virus, asignado polo Comité Internacional de Taxonomía de Virus pola súa semellanza co SARS-CoV causante da epidemia de 2002/2003 do síndrome respiratorio agudo severo. Covid-19 é o nome da enfermidade proposto pola OMS. Ven do inglés Coronavirus Disease 2019. Segundo as recomendacións sobre ética en nomenclatura evítase relacionar o virus/enfermidade cunha rexión xeográfica ou país concreto, con grupos raciais, etc. Este virus é un novo patóxeno para os seres humanos.

De onde proceden os virus que se converten nun momento dado en perxudiciais para as persoas?

A maioría dos virus que causaron epidemias/pandemias recentes son virus zoonóticos. Son virus de animais que, nun momento dado por cambios sufridos no seu xenoma por mutación ou recombinación, son capaces de infectar aos seres humanos. Normalmente non pasan do seu hóspede primario ao ser humano directamente, senón que necesitan un hóspede intermediario onde se producen eses cambios adaptativos.

Os virus que traspasan as barreiras entre distintas especies e chegan aos humanos adoitan permanecer moito tempo na nosa especie?

Depende do virus e a súa adaptación ao ser humano. O SARS-CoV-2parece que se adaptou moi ben, de aí a súa alta transmisibilidade. Isto podería indicar que xa leva anos en contacto cos seres humanos e que a súa virulencia puido aumentar máis recientemente.

Por que a Covid-19 ten maior incidencia nas persoas de máis idade?

Parece que a maior incidencia en pacientes de máis idade pode estar asociado tanto á comorbididade, especialmente enfermidades cardiovasculares e enfermidades crónicas, así como á situación de fraxilidade que conleva unha resposta inmunolóxica máis pobre. Non sería polo tanto unha cuestión de idade senón do estado xeral de saúde de cada individuo.

Os seres humanos que non enferman é porque o seu sistema inmunitario fai fronte ao patóxeno ou porque o virus non atopa a diana sobre a que actuar?

Os primeiros datos parecen indicar que a resposta do sistema inmunitario fronte ao coronavirus é efectiva en aproximadamente un 80% dos casos de infección, e por iso as persoas son asintomáticas ou presentan síntomas leves.

No 20% restante o virus lograría entrar nas células ás que destrúe. Ao destruírse as células entra en funcionamento unha resposta inflamatoria para evitar o dano celular, e é esta resposta inflamatoria a que pode complicar o cadro clínico.

No noso entorno, por que canles podería diseminarse o virus?

As vías de transmisión son por secrecións respiratorias (gotículas) de persoas infectadas (sintomáticas ou asintomáticas), contacto directo entre persoas, ou por contacto con obxectos e superficies contaminadas. O contaxio a través de gotículas prodúcese por contacto próximo (a menos dun metro) dunha persoa con síntomas respiratorios (por exemplo, tos ou estornudos), debido ao risco de que as mucosas (boca e nariz) ou a conxuntiva (ollos) se expoñan a gotículas respiratorias que poden ser infecciosas.

Aínda non hai moitos estudos sobre diseminación no medio ambiente. Si se demostrou que está presente en augas residuais aínda que moi probablemente inactivo. Non existen aínda estudos noutro tipo de mostras ambientais. Doutra banda, os últimos estudos limitan a súa supervivencia no medio ambiente e en superficies, o que era esperable por ser un virus envolto.

Coñece algunha iniciativa de investigación que se estea suscitando ou desenvolvendo en Galicia referente a este virus?

En Galicia hai diferentes grupos de investigación realizando estudos sobre o SARS-CoV-2, desde: o desenvolvemento de vacinas utilizando diferentes estratexias; a análise dos determinantes xenéticos e biomarcadores xenómicos de risco que predispoñen ás persoas a padecer unha infección grave causada por coronavirus; o desenvolvemento de modelos matemáticos para estudar a incidencia e expansión do virus, ou á detección do virus en augas residuais para levar a cabo estudos epidemiolóxicos indirectos e poder previr futuros brotes da enfermidade.

E para rematar, cre que si por casualidade caeron unhas gotículas contedoras deste virus sobre o filete que vou comer, enfermarei?

Os métodos habituais de cocción e preparación dos alimentos eliminan o virus polas altas temperaturas que se alcanzan durante os mesmos. Ademais, se se serven ao momento mantendo estas temperaturas altas o risco é mínimo. De feito, non hai evidencias de transmisión do SARS-CoV-2 a través dos alimentos. En calquera caso, a OMS recomenda non consumir alimentos de orixe animal crús ou pouco cociñados durante a pandemia de Covid-19 e observar escrupulosamente as medidas de hixiene durante a preparación dos alimentos.