Informes das últimas alertas sanitarias na UE con referencia á listeriose

A Axencia de Seguridade Alimentaria da Unión Europea publicou recentemente o informe do sistema rápido de alertas RASFF —the Rapid Alert System for Food and Feed— do ano 2018.

Polo xeral, as notificacións do RASFF informan sobre os riscos identificados nos alimentos, pensos ou materiais de contacto con alimentos que se comercializan no país notificante ou se manteñen nun punto de entrada da UE na fronteira cun país veciño. O país notificante informa sobre os riscos que identificou, o produto e a súa trazabilidade e as medidas que adoptou.

Os informes RASFF inclúen os episodios tóxicos causados polo consumo de alimentos contaminados con diversos axentes. Respecto da enfermidade causada por Listeria monocytogenes, listeriose, no informe de 2018 cítanse 3 abrochos que afectaron a parte da poboación de varios países, que forman parte deste sistema de alertas, e que se prolongaron no tempo:

  • Abrocho de Listeria monocytogenes serotipo IVb relacionado con millo conxelado e posiblemente outros vexetais: a investigación da historia do alimento situou a súa orixe en Hungría en 2015 e en 2018 considerouse que a empresa responsable erradicara o problema nas súas instalacións.
  • Un abrocho Listeria monocytogenes de secuencia tipo 8 (ST8) e outro abrocho co serogroupo IIc: ambos relacionados con elaborados de salmón pero dos que non se puido concretar a orixe primaria pola escaseza de datos epidemiolóxicos e/ou ambientais.

L. monocytogenes é unha especie altamente heteroxénea: pódese dividir en 4 liñaxes evolutivos, 13 serotipos e 4 serogrupos. A tipificación de secuencias multilocus subdivide aínda máis as categorías anteriores en clons, que están xeográfica e temporalmente estendidos. Ademais é unha especie altamente heteroxénea con respecto á patoxenicidade e componse de clons hipervirulentos e hipovirulentos. Os clons hipervirulentos son os máis propensos a causar enfermidades e, en particular, a listeriose do sistema nervioso central e a materno-neonatal (¹).

 

Os datos sobre Listeria monocytogenes recollidos na base de datos RASFF do ano 2018 e os primeiros 8 meses do ano 2019 indican que os lácteos e os vexetais son os produtos con maior número de notificacións na actualidade, como se pode ver na Figura 1. Por outra banda, aínda se descoñece se aqueles produtos de orixe cárnico ou os que se poderían mercar nunha peixería obterán o mesmo número de notificacións en 2019 ca en 2018.

 

Figura 1. Porcentaxe do número total de produtos notificados por contaminación coa bacteria L. monocytogenes no ano 2018 e os 8 primeiros meses do ano 2019. Datos da base de datos RASFF agrupados en 5 categorías.

 

Como indica o citado informe, a maioría dos produtos notificados son de orixe animal, con todo hai que poñer o foco nos produtos listos para o consumo de calquera orixe, xa que estes poden provocar graves consecuencias nas persoas que pertencen a grupos de risco. No ano 2019, os 3 produtos elaborados en España controlados grazas ao sistema RASFF pertencían a esta categoría.

Situación a nivel nacional

En España, o Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitaria (CCAES) recibe información das Comunidades Autónomas ante calquera caso de alerta sanitaria. En agosto de 2019 unha destas notificacións chegou ao CCAES desde Andalucía por un abrocho de toxiinfencción alimentaria por Listeria monocytogenes por consumo dun produto cárnico listo para o consumo. Posteriormente, confirmouse que outros produtos elaborados na mesma planta de procesado cá anterior, tamén estaban contaminados con este patóxeno.

Como se menciona no “Informe de fin de seguimiento del brote de listeriosis” publicado polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, o 27 de setembro 2019, produciuse o maior abrocho de listeriose do país asociado a produtos comerciais de alta distribución.

As mostras dos pacientes afectados e as tomadas en alimentos e superficies mostraron unha estreita relación, segundo indican os resultados de secuenciación de 233 cepas analizadas no Instituto de Saúde Carlos III. A cepa de Listeria monocytogenes asociada ao abrocho foi caracterizada como serovariedad IVb, ST-388, CC388, CT-8466.

No citado informe faise referencia a outras dúas alertas declaradas en setembro nesta mesma comunidade, en elaborados cárnicos similares. A repercusión destas foi menor có abrocho precedente e comprobouse que non gardaban relación entre si.

A listeriose inclúese entre as enfermidades de declaración obrigatoria en España a partir da Orde Ministerial SSI/445/2015. É unha das enfermidades que se notifican á Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (RENAVE), que se coordina desde o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social e que está xestionada polo Centro Nacional de Epidemioloxía (CNE) do Instituto de Saúde Carlos III.

Por iso, desde o ano 2015 disponse de información desta enfermidade declarada polas comunidades autónomas (CCAA), que notifican de forma individualizada os casos probables e confirmados de listeriose ao CNE a través da RENAVE (²).

 

O informe de vixilancia epidemiolóxica da listeriose en España 2015-2018 indica que en 2018 notificáronse 432 afectados que se agrupan en pequenos abrochos familiares ou son casos individuais. É probable que o abrocho do 2019 sexa tratado, no seguinte informe desta serie, como un caso particular e dispóñase entón de máis datos sobre a trazabilidade (rastrexabilidade) dos produtos implicados e da xestión da alerta que permitan minimizar no futuro os danos deste tipo de abrochos.

A listeriose está considerada unha enfermidade infecciosa emerxente —enfermidade que apareceu recentemente nunha poboación ou xa existía, pero que está aumentando rapidamente en incidencia ou extensión xeográfica— segundo a clasificación do Instituto NIAID do Departamento de Saúde e Servizos Humanos de Estados Unidos (³).

 

 

Fuentes de la información consultada

Informe RASFF: The Rapid Alert System for Food and Feed 2018 Annual Report
Página web RASFF – Food and Feed Safety Alerts
Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitaria (CCAES)
Informe de fin de seguimiento del brote de listeriosis en España 2019
Informe epidemiológico de listeriosis. Casos notificados a la RENAVE en los años 2015-2018

 

Referencias de las citas

(1) Uncovering Listeria monocytogenes hypervirulence by harnessing its biodiversity. Nature 48, 2016.
(2) Orden Ministerial SSI/445/2015
(3) Instituto Nacional de Alergias y Enfermedades Infecciosas, NIAID: Emerging Infectious Diseases/ Pathogens