Informe 2018 da Rede Europea da fraude en alimentación

A rede europea da fraude alimentaria, creada en 2013, intercambia información sobre posibles violacións da lexislación europea con clara intencionalidade para cometer fraude, a través do sistema de asistencia e cooperación administrativa (ACC). Este sistema é voluntario e informa sobre os alimentos sospeitosos comercializados entre países. No ano 2018, os estados membros da UE e Noruega presentaron 234 solicitudes de cooperación para a súa investigación xunto con outras 33 da Comisión Europea1.

Os criterios para distinguir un caso de fraude réxense polo incumprimento dunha ou máis normas lexislativas; porque non é froito dunha casualidade; dá lugar a unha vantaxe económica e supón algún tipo de engano ao consumidor. As actividades fraudulentas poden levar a serios riscos de Saúde Pública tales como intoxicacións, reaccións alérxicas ou outras con diverso grao de afectación (morte ou enfermidades crónicas) que foron rexistradas nos casos ocorridos nos últimos 40 anos (aceite adulterado,  dioxina,  fipronil,  metanol e outros)2.

Respecto a os incumprimentos clasificados como actividades fraudulentas na cadea alimentaria por esta rede europea en 2018, os peixes e os produtos da pesca foron os alimentos con maior número de solicitudes de investigación, seguidos da carne e os seus produtos e graxas e aceites. Na Figura 1 indícanse estes e outros grupos de alimentos recolleitos no informe e o número de sospeitas de fraude en cada un deles.

 

Figura 1

En xeral, estes incumprimentos relacionáronse con: a etiquetaxe incorrecta no 42% dos casos; falta, falsificación ou manipulación da documentación obrigatoria nun  20%;  por substitución, eliminación, dilución ou incorporación dalgún ingrediente na súa composición un 19%; por seguir procesos ou aplicar tratamentos non aprobados ou prohibidos un 13% e por infraccións da propiedade intelectual un 5% (Figura 2).

Figura 2

Como se pode comprobar nos gráficos do citado informe, estas porcentaxes varían en función do grupo de alimentos, así por exemplo, os incumprimentos relacionados coa súa composición son o 30% dos casos en produtos de peixe, o 9% en cárnicos, o 18% en aceites e graxas, o 26% en bebidas alcohólicas e o 19% en produtos dietéticos.

Neste informe tamén se describen 2 casos de cooperación internacional contra a fraude: un relativo a aceite de oliva comercializado como extra e outro a atún tratado para vender como fresco.

 

Referencias

  1. Informe 2018 de la Red Europea de Fraude Alimentario
  2. Web de la Dirección General de la Comisión Europea de Salud y Seguridad Alimentaria