A primeira reunión científica anual de One Health EJP celebrouse do 22 ao 24 de maio en Dublín, Irlanda. O evento foi un gran éxito xa que reuniu a 296 participantes, expuxéronse máis de 80 pósters e 60 presentacións orais. Unha destas presentacións foi realizada pola investigadora M. López, coordinadora da rede RISEGAL, para expoñer os primeiros resultados do estudo que esta rede está a levar a cabo sobre riscos emerxentes en moluscos bivalvos de Galicia.
Que é One Health EJP?
One Health EJP (OHEJP) é un proxecto de 5 anos de duración financiado polo programa de Investigación e Innovación Horizonte 2020 da Unión Europea. O plan de traballo está estruturado en sete paquetes (WP), cada un orientado a necesidades e obxectivos específicos, e á súa vez, relacionados para garantir a súa integración e a implementación do programa.
Como se define One Health?
O concepto One Health recoñece que a saúde humana está estreitamente ligada á saúde dos animais e do medio ambiente e que existe un estreito vínculo entre os seres vivos, a súa contorna e os contaminantes que se transmiten a través dos alimentos.
Cal é o obxectivo principal?
Este obxectivo, baseado no lema “previr-detectar-responder”, é estudar os axentes infecciosos que se poidan cruzar entre especies e traspasar barreiras ambientais para evitar un perigo sanitario.
Cal é o enfoque do proxecto One Health EJP (OHEJP)?
O enfoque principal de OHEJP é reforzar a colaboración entre os institutos mediante a mellora da cooperación interdisciplinar, e a integración das actividades por medio de proxectos conxuntos e a través da educación e a formación nos campos das zoonoses alimentarias (FBZ), a resistencia aos antimicrobianos (AMR) e as ameazas emerxentes (ET).
Que institucións españolas participan no proxecto?
Os 2 centros españois que participan no proxecto son o Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e o Centro de Vixilancia Sanitaria Veterinaria da Universidade Complutense.