Carrachas e alerxia á carne vermella

Desde hai uns años e en todo o mundo rexistráronse casos de persoas que presentaban reaccións alérxicas despois de inxerir distintos tipos de carnes vermellas. O abanico de síntomas que poden presentar é amplo, por iso máis que unha alerxia, a enfermedade catalogouse coma síndrome e coñecese coma Síndrome de Alfa-Gal (SAG).

Que é o alfa-Gal e que reacción produce?

O alfa-Gal (α-Gal) é un oligosacárido que está presente células e tecidos de mamíferos non primates e na saliva das carrachas. Os humanos non poden sintetizar o determinante glucídico α-Gal e, polo tanto, prodúcese unha resposta do sistema inmunitario fronte a el. Os anticorpos IgM e IgG anti α-Gal producénse constantemente no corpo humano, por exemplo frente a bacterias do tracto intestinal que teñen este sacárido na súa membrana externa. Con todo, un efecto perxudicial do sistema inmunitario é cando produce anticorpos IgE dirixidos contra o antíxeno α-Gal por dúas vías diferentes: (1) as reaccións alérxicas retardadas producidas trala inxestión de carne vermella e (2) a reacción inmediata pola picadura dunha carracha ou frente o anticorpo cetuximab aplicado de forma intravenosa en tratamentos de cáncer colorrectal.

Cal é a causa desta síndrome?

Diversos estudos a nivel mundial corroboraron que esta síndrome está relacionada coa picadura de carrachas. Ademais de comprobarse experimentalmente, encontrouse unha relación entre a distribución deste parasito e a prevalencia da sensibilización frente ao antíxeno α-Gal (10-20%) da poboación de estas rexións. Nas enquisas realizadas ás persoas con esta síndrome, a maioría (> 70%) contestaron afirmativamente que foran picadas por carrachas. Ademais, nalgúns estudos relacionanse o número de picaduras coa maior probabilidade de desenvolver a alerxia.

A picada de carrachas induce a producción de anticorpos IgE anti α-Gal, pero ainda non se coñecen os mecanismos polos que esta incisión produce a sensibilización que pode derivar en alerxia. Cando esto ocurre, a exposición a outros alérxenos que comparten este determinante antixénico (ex. carne vermella) provoca a aparición dos síntomas.

As carrachas son pequenos parasitos externos (ectoparasitos) que pertencen á mesma clase que as arañas. Son abundantes no campo, nos bosques e mesmo nos parques e xardíns, e aparecen dende principios da primavera ata finais do outono. Son hematófagos, o que quere dicir que necesitan chupar o sangue dos animais (mamíferos, réptiles e paxaros) para vivir e reproducirse. En ocasións, tamén pican aos humanos.

 

Todas as persoas con esta sensibilización fronte ao alfa-Gal presentan síntomas alérxicos?

Non, comprobouse en poboacións con alta prevalencia de sensibilización a este antíxeno, que a maioría nunca tiveran síntomas alérxicos ao comer determinados produtos de orixe animal. Existe unha variabilidade entre individuos na resposta do seu sistema inmunitario para a producción de anticorpos IgE que está relacionado coa posibilidade de desenvolver esta síndrome.

Que alimentos están máis relacionados co SAG?

Esto ven determinado polas costumes gastronómicas de cada país, pero en xeral detectáronse máis casos cando se inxeriu carne de vaca, deseguido de porco, cordeiro ou cervo, sendo os órganos internos os que producen reaccións máis severas e en menor tempo. Nun estudo realizado en Galicia, tamén faise referencia a carne de xabarín e, curiosamente as persoas que mostraron síntomas alérxicos ao inxerir algún tipo de carne vermella, indicaron que estos síntomas non se producían ao comer xamón serrano.

Así mesmo, o determinante glucídico α-Gal pode estar presente en glicoproteínas e glicolípidos de outros productos obtidos de mamíferos, como o leite e o coláxeno. Por exemplo, rexistráronse síntomas alérxicos despois comer caramelos brandos elaborados con xelatina de porco e de quesos de ovella feitos con callo de terneiro.

Cales son os síntomas alérxicos?

A sintomatoloxía pode variar entre inxestas e entre persoas. Pode producirse prurito, inchazón superficial e baixo a pel ―urticaria ou anxioedema― ou anafilaxe. Noutros casos descríbese dor abdominal acompañado de reaccións na pel ou únicamente molestias gastrointestinais. Os síntomas prodúcense, como termo medio, pasadas dúas horas despois da inxesta, ainda que nalgúns individuos pode producirse unha redución deste periodo ou da intensidade dos mesmos por causa dalgúns factores que poden estar relacionados coa permeabilidade gastrointestinal, a circulación sanguínea ou a liberación de histamina. Algunhas persoas indican un troco de síntomas ―de leves a máis agudos― en comidas sucesivas aínda que estas fosen en cantidade similar e igual forma de preparación. Coma noutras alerxias, suponse que cofactores coma o exercicio, o alcohol e as medicinas antiinflamatorios non esteroideos poden potenciar a absorción do antíxeno ou diminuir o umbral de resposta.

Cal é o tratamento da alerxia á carne vermella?

Non comer carne vermella é a mellor recomendación para evitar os síntomas alérxicos nas persoas susceptíbeis. Algunhas persoas indicaron non manifestar síntomas cando volveron a inxerir este tipo de alimentos despois dun periodo na que a excluiron da súa dieta e, noutros casos, tras evitar novas picaduras de carrachas.

Cales son os inconvenientes para as persoas con esta síndrome?

Uns dos problemas radica no infradiagnóstico deste tipo de enfermidade que pode ter consecuencias inesperadas, non só derivadas da dieta, senón por outras relacionadas con algún tipo de tratamento médico da persoa afectada. Detectáronse casos con síntomas alérxicos en pacientes frente a algunas vacunas, implantes, soros ou mediciñas ―que conteñen xelatina ou ácidos esteáricos― pola súa orixe animal. Tamén este é un tema de preocupación pola posíbel reacción fronte a algún tipo de anestesia e no caso das enfermidades coronarias. Por exemplo, nun estudo realizado en Virxinia o 26% das persoas tratadas na especialidade de cardioloxía tiña niveis detetábeis do anticorpo IgE anti α- Gal.

Que poboación é máis susceptíbel de desenvolver esta alerxia?

Fundamentalmente, calquera profesión relacionada co sector primaro no campo (criadores de gando, veterinarios, etc), os traballadores forestais e en xeral, a poboación que viva nas zonas rurais nas que as carrachas son endémicas, son susceptíbeis de desenvolver esta enfermidade. Por outra banda, todas aquelas persoas que realizan habitualmente actividades de ocio ou deportes o ar libre ou cazadores, por exemplo, tamén poderían engadirse a este grupo de risco.

É habitual realizar o diagnóstico da Síndrome de Alfa-Gal?

Diagnosticáronse casos en América, Australia, Europa, África e Asia pero non existen plans nacionais para a súa identificación. Considérase unha alerxia emerxente polo aumento do número de casos rexistrados, con todo, esto pode deberse a un maior seguimento e a unha mellora dos métodos de detección. Os expertos consideran que moitas das alerxias de orixe non coñecido se poderían corresponder con esta síndrome e recomendan facer unha identificación temperá dos síntomas leves en persoas susceptíbeis para previr posíbeis reaccións de anafilaxe.

Número de casos da Síndrome α-Gal en todo o mundo recollidas en publicacións científicas

*Nota: Datos procedentes da publicación (3) da bibliografía

 

Cales son as liñas de investigación sobre esta síndrome?

Esta alerxia mostra patróns diferentes a outros tipos de alerxia, con todo, algúns expertos consideran que o seu estudo pode contribuir a comprender moitas causas e consecuencias doutros tipos de alerxias hai tempo identificadas.

Séguese a investigar, tanto desde o punto de vista epidemiolóxico coma na patoloxía, en mostras humanas ou na mellora dos modelos animais. Así mesmo, proponse estudar outros insectos (ex. himenópteros e dípteros) como posíbeis inductores da enfermidade.

Curiosamente, tamén algúns investigadores consideran que a inmunidade α-Gal é un bo modelo para entender a asociación entre alerxia e a inmunidade frente a microorganismos responsábeis de enfermidades infecciosas que portan dito determinante antixénico.

Bibliografía
(1) On the cause and consequences of IgE to galactose-a-1,3-galactose: A report from the National Institute of Allergy and Infectious Diseases Workshop on Understanding IgE-Mediated Mammalian Meat Allergy. J Allergy Clin Immunol (2020)
(2) Descriptive Epidemiology of Patients Diagnosed with Alpha-gal Allergy — 2010–2019. J Allergy Clin Immunol (2020)
(3) Environmental and Molecular Drivers of the a-Gal Syndrome. Frontiers in Inmunology (2019)
(4) Galactose-α-1,3-galactose (alpha-gal) allergy: firstpediatric case in a series of patients in Spain. Allergologia et Immunopathologia (2019)
(5) Alergia a alfa-gal y picaduras de carrachas. La perspectiva española. http://www.alergoaragon.org/2017/0101.pdf (2017)