Alimentos e gripe aviaria

No ano 2024, detectouse a presenza do virus da gripe aviaria en produtos e animais de consumo para o ser humano. O foco de atención centrouse en gando leiteiro, porcos, ovos e leite.

A gripe aviaria que afecta a aves silvestres e de curral está a ser vixiada polas entidades que se encargan de Saúde Animal, xa que a mortalidade nestes animais experimentou un aumento significativo a partir do ano 2020 (OMS, ECDC).  A enfermidade fatal denomínase “gripe aviaria altamente patoxénica” e relaciónase co virus Influenza A dos subtipos H5 e H7. Algúns clados destes subtipos son capaces de producir enfermidade no ser humano cunha taxa de mortalidade elevada.

 

“A vixilancia brotes de gripe aviaria en fauna silvestre é unha ferramenta necesaria e eficaz para previr e controlar os casos rexistrados en humanos e a súa presenza en alimentos”

 

En 2023, o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC) actualizou as cifras de casos de enfermidade en humanos causada pola variante da gripe aviaria A(H5N1) dende 2003. En total, rexistráronse 874 casos en humanos cunha taxa de mortalidade do 52.4% tendo en conta os casos de 23 países. En España investigáronse 2 casos en 2022, pero finalmente as análises descartaron que estes traballadores fosen infectados cos animais da granxa enfermos.

Informe ECDC 2023
Casos de gripe aviaria en humanos no periodo 2003-2023 (ECDC, 2023)

Como curiosidade, pódese ver no gráfico publicado pola ECDC que en 2015 o maior número de casos produciuse en Exipto.

Un estudo neste país sobre esta variante desde 2005 a 2015 mostrou que os casos en humanos en 2014/2015 contiñan mutacións en 3 xenes no clado 2.2.1.2.

Con todo, no estudo suxírese que o alto número de casos en humanos é unha consecuencia do elevado número de aves enfermas, e por tanto, por unha maior exposición da poboación exipcia ás aves domésticas infectadas.

Ademais de nas aves domésticas, a atención céntrase na adaptación do virus para infectar a mamíferos. Xa hai rexistros de mortaldade por gripe aviaria de leóns mariños, focas, visóns, gatos e raposos ademais de gando. É por iso que as dúas axencias europeas, EFSA e ECDC, emitiron un ditame científico que indica que as mutacións xenéticas, a mixtión de material xenético entre virus e a resposta inmunitaria do hóspede poden impulsar esta adaptación. Ademais o risco de transmisión entre seres humanos aumenta cando se favorece a interacción de especies silvestres, explotacións animais (para alimentación ou outros fins) animais domésticos e as persoas. Estas axencias achegan os datos utilizados para a elaboración do informe e formulan recomendacións en saúde pública e animal.

Animais de granxa e alimentos

En Europa, detectáronse 341 focos de gripe aviaria en aves de curral no período 2024-2025 e 684 noutros tipos de aves. Coa información actual, España aumentou o nivel de risco e prohibiu certas prácticas en municipios e zonas de especial vixilancia para evitar o contaxio con aves silvestres e a propagación da enfermidade (Orde APA/2442/2006; MAPA).

En Estados Unidos, a información na web dos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) en febreiro de 2025 indica que 153 866 301 aves de curral (do 8 de febreiro de 2022 ao 4 de febreiro de 2025) e 959 rabaños gandeiros (do 25 de marzo de 2024 ao 31 de xaneiro de 2025) deron resultado positivo para esta enfermidade.

Varios artigos científicos, xornalísticos e de divulgación científica están a publicarse actualmente sobre a gripe aviaria e, neles, destácase a distribución, o número de casos no continente americano e o interese polas variantes que xorden. No caso do gando leiteiro, indícase que este era un reservorio inesperado cando se notificou o primeiro caso en marzo de 2024 (variante H5N1 2.3.4.4b).

A propagación do clado 2.3.4.4b deste virus levou á Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura a publicar un informe de recomendacións para a previr esta enfermidade emerxente, evitando a transmisión no gando leiteiro mediante unha detección temperá, entre outras medidas (FAO).

Respecto dos clado no gando bovino, o experto en veterinaria Juan José Badiola no Foro “Somos Agro” celebrado o 7 de febreiro en Lugo (La Voz de Galicia, Zendal Group e o Campus Terra da USC), comentou os resultados dun colega investigador sobre a gripe aviaria do clado 2.3.4.4b e do xenotipo B3.13 que provoca mamitis necrótica nas vacas, con cambios visibles no leite, polos que se deduce que o contaxio entre o gando produciríase predominantemente por esta vía e non a respiratoria.

En referencia ao recente xenotipo detectado en Nevada (06/02/2025), non pode opinar até saber máis datos e coñecer como son as vías de transmisión entre as distintas especies animais (incluída a humana), pero as primeiras informacións indican que non ten o mesmo comportamento que o anterior.

A súa recomendación é estar vixiante ante cambios no gando en calquera parte do mundo, xa que as variantes que aparecen en mamíferos e aves domésticas están relacionados coas das aves silvestres migratorias que están en tránsito nese momento.

O primero caso notificado por A(H5N1) en porcinos é dun porco criado nunha granxa de Oregón, que compartía espazo con outras especies animais (aves e mamíferos). A preocupación neste sentido ten que ver coa posibilidade dun reagrupamiento xenético entre distintos virus da gripe A cando infectan a un único hóspede, como xa ocorreu no pasado en porcos.

A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) publica na súa web que non hai evidencias de que o consumo de alimentos supoña un risco para o consumidor en relación coa gripe aviaria. No caso do ovo e das aves, non hai risco de enfermidade por virus cando estes cocíñanse e superan 74 °C en todo a masa do alimento. No caso do leite, considérase que un tratamento industrial axeitado anula a viabilidade do virus cando este está presente no leite cru.

Aínda que o vinculo alimento-saúde non supuxo ningunha alerta sanitaria até o momento, as consecuencias económicas no sector alimentario empezan a ser relevantes nas zonas máis afectadas.

“O enfoque integrador “One Health” de saúde humana, veterinaria e ambiental é necesario tamén no caso da gripe aviaria para estar vixiante ante unha posible pandemia como a da Covid-19. Neste sentido, é relevante a importancia dos Centros Nacionais de Gripe e as redes internacionais que teñen grupos especializados nas variantes susceptíbeis de ser pandémicas”

 

Documentos de consulta
Influenza A(H5N1) – Multi-country (World) – Monitoring human cases Communicable Disease Threats Report. ECDC. 2023
Preparedness, prevention and control related to zoonotic avian influenza. European Centre for Disease Prevention and Control. ECDC. Assessment 29 Jan 2025
Investigación y gestión coordinadas de One Health de brotes en humanos y animales causados ​​por virus zoonóticos de influenza aviar. ECDC. 2025
Recomendaciones para la vigilancia de la grive aviar en ganado vacuno. FAO. 2024
Actualización de la situación epidemiológica en europa y declaración de riesgo alto de influenza aviar en españa con adopción de medidas preventivas en las zonas de especial riesgo y vigilancia a partir del 20 de enero de 2025. Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (16/01/2025).
Importancia de los Centros Nacionales de Gripe en la vigilancia de virus aviares de alta patogenicidad. El momento para One-Health es ahora. Revista Española de Quimioterapia, volumen 11;37(2). 2024
Introduction and enzootic of A/H5N1 in Egypt: Virus evolution, pathogenicity and vaccine efficacy ten years on. Infection, Genetics and Evolution, volume 40, June 2016.
Gripe aviar: aumento de la propagación en zonas densas de aves de corral a finales de 2024. EFSA, 18 Dic 2024
H5N1: no, no estamos a una mutación de sufrir una pandemia de gripe
Qué sabemos sobre la gripe aviar: ¿Puedo contagiarme? ¿Es seguro comer huevo?
I Foro “Somos Agro” celebrado el 7 de febrero en Lugo. La Voz de Galicia, Zendal Group y el Campus Terra de la USC.