Alimentación dos recentemente nados e exposición a contaminantes químicos

Tania Fernández presentou a súa tese de doutoramento titulada “Estado de saúde da poboación materno infantil galega en base a súa exposición a contaminantes ambientais”, na cal, avaliouse a exposición a determinados compostos químicos durante o período de xestación e os primeiros 6 meses de vida dos bebés.

A investigadora, pertencente ao grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo, coméntanos algún dos resultados máis destacados.

Cal é o interese de estudar a exposición de contaminantes ambientais nas primeiras etapas do desenvolvemento dun ser humano?

A exposición humana aos contaminantes ambientais converteuse nun tema de crecente preocupación porque, incluso a niveis baixos, poden considerarse daniños para o ser humano. Estamos expostos aos mesmos de xeito intencionado (praguicidas, retardantes de chama) ou de xeito non intencionado, porque se poden orixinar por diversos procesos (bifenilos policlorados ou hidrocarburos aromáticos policíclicos). Así tamén, hai que subliñar a exposición a elementos metálicos.

A exposición a contaminantes ambientais comeza na etapa uterina, na cal, o feto vese exposto a axentes externos que poden traspasar a placenta, chegando a afectar o seu desenvolvemento. Tanto o feto como o lactante son especialmente vulnerábeis aos seus efectos, xa que se atopan en etapas críticas de crecemento, desenvolvemento de órganos, diferenciación celular e inmaturidade do seu metabolismo.

Podería citar algúns exemplos das posíbeis consecuencias destes contaminantes?

Coñécese que, debido ás características destes compostos, a exposición temperá a estes pode causar danos para a saúde do neno. Poderíase citar a disfunción inmune que provocará deficiencias nos compoñentes do sistema inmunitario. Estes contaminantes son capaces de producir efectos inmunolóxicos e son inmunosupresores en altas doses. Ademais, a exposición a certos contaminantes está relacionada cos casos de cancro e con trastornos que afectan ao desenvolvemento do sistema nervioso. Globalmente estímase que 1 de cada 150 nacementos sofre “Desorde do Espectro Autista” cando hai só 20 anos a proporción era de 1 en 10.000 nacementos. Nos últimos anos tamén se viu un deterioro do estado de saúde reprodutiva en adultos, incluíndo a incapacidade para concibir e a interrupción espontánea prematura do embarazo, entre outros. Este factor afecta tanto a mulleres coma a homes.

Cales adoitan ser as rutas de transmisión destes compostos desde o medio ata o neno?

Aínda que algúns contaminantes orgánicos se excretan e metabolizan moi rápido, moitos deles teñen vidas biolóxicas máis longas e acumúlanse nos tecidos graxos, o que contribúe a aumentar a concentración de contaminantes no corpo humano.

O sistema circulatorio do feto está conectado co da nai a través do cordón umbilical. Nesta etapa prenatal, prodúcense intercambios do material a través da placenta. Neste estudio, vimos que a través desta transferencia placentaria os compostos obxecto de estudo son capaces de chegar ao feto.

Ademais, durante a lactancia as reservas de graxa do corpo da nai mobilízanse facendo que os contaminantes ambientais adheridas a elas cheguen ao lactante a través do leite materno.

Cales foron as liñas de investigación da súa tese?

Dunha forma resumida, a tese consistiu no estudo destes contaminantes nas etapas anterior e posterior ao parto expostas como:

Avaliación da exposición prenatal a contaminantes ambientais mediante a análise de mostras biolóxicas non invasivas como son a placenta e o meconio (primeira excreta do recentemente  nado)

Avaliación da exposición posnatal a estes contaminantes mediante a análise do leite materno e do pelo do bebé

Cales dos compostos analizados están en maior concentración nas mostras analizadas?

En todas as mostras analizadas, os compostos con maior concentración foron os seguintes:

  • Hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs), os cales poden xurdir da combustión incompleta da materia orgánica, á queima de madeira e á combustión doutros biocombustíbeis. Tamén mediante a transformación química de sedimentos orgánicos en combustíbeis fósiles como o petróleo e o carbón. Estes compostos tamén están presentes nas emisións dos tubos de escape dos automóbiles e no fume do tabaco
  • Praguicidas organoclorados, organofosforados e piretroides, utilizados en agricultura e como insecticidas nos fogares e  no uso veterinario.
  • Bifenilos policlorados (PCBs), as principais aplicación destes compostos son como intercambiadores de calor e fluídos dieléctricos en sistemas eléctricos, como transformadores ou estacións rectificadoras.
  • Polibromodifenil éteres (PBDEs) utilizados como retardantes de chama en tecidos, en plásticos e espumas, incluídas as carcasas de plástico de equipos electrónicos

A que zona xeográfica se refire o estudo?

Traballamos con dous grupos de poboación diferente ―pre e posnatal― que pertencen á provincia de Ourense

Os niveis destes contaminantes son similares a outras zonas estudadas en Europa ou no resto do mundo?

Deste estudo podemos concluír que existe unha exposición a contaminantes similar ou incluso menor a outros estudos realizados en España e outros países. Ante todo, non é para nada alarmante o obtido, sinxelamente atopamos unha exposición ás sustancias que presupuxeramos poderían estar presentes.

Atopamos que a paridade e a idade da nai, o incremento de peso durante o embarazo, o lugar de residencia e a exposición ao fume do tabaco foron os factores que resultaron ter  influencia sobre os niveis dos contaminantes detectados.

No tocante á dieta, un consumo elevado de graxas animais, certo tipo de peixes e lácteos tamén terían relación cos contaminantes ambientais estudados, sobre todo cos elementos metálicos.

Ademais a este respecto habería que resaltar a falla de criterios internacionais que, dependendo do país e da Axencia Internacional consultada, son diferentes. Por exemplo, para a inxesta de leite materno dependendo do país e para os bifenilos policlorados existirían tres niveis de referencia para decidir se é un alimento apto para o consumo do neonato.

Entón, existe algunha recomendación respecto á lactancia materna?

No noso grupo de investigación cremos que se debe seguir o establecido pola OMS (Organizaciçon Mundial da Saúde) sempre que sexa posíbel, a cal recomenda a lactancia materna exclusiva, polo menos ata os 6 meses de idade, debido ás propiedades beneficiosas que esta presenta para o desenvolvemento dos nenos. Hai autores que demostraron que estas propiedades contrarrestarían o posíbel efecto daniño destes contaminantes ambientais na saúde do neno

Que hábitos se poderían adquirir para evitar este tipo de exposición?

Para reducir a exposición pre y posnatal a contaminantes ambientais, as nais deberían reducir a súa carga corporal de contaminantes e, para iso, recoméndase limitar o consumo de alimentos graxos  ―especialmente de orixe animal―, reducir o uso de insecticidas no fogar e optar preferiblemente polo uso de tecidos naturais.

Despois de todo este traballo de investigación, cal é a liña na que che gustaría seguir profundando?

Ademais de ampliar o número de compostos a determinar, incluíndo os metabolitos, gustaríanos completar o estudo coa análise de mostras non invasivas en zonas próximas ás seleccionada con anterioridade e con características demográficas diferentes, para o cal, establecemos unha colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Por outra banda, considero de interese indagar na relación entre os niveis atopados de contaminantes co estado de saúde  da poboación estudada (por ex., mediante os test de neurodesenvolvemento aos nenos) e os estudos de exposición pre y posnatal incluíndo as mesmas nais e nenos nas diferentes etapas

Plantexamento e desenvolvemento da miña tese. Por Tania Fernández Cruz

O grupo no que levei a cabo a miña tese ten una ampla experiencia na determinación de contaminantes orgánicos en matrices agroalimentarias, ambientais e biolóxicas. E neste contexto os meus directores, Elena Martínez Carballo e Jesús Simal Gándara, propuxéronme afondar sobre os efectos que podería ter esta exposición para a saúde das poboacións materno infantís que son máis vulnerábeis.

Para levar a cabo este estudo, estableceuse unha colaboración coas unidades de obstetricia e de pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense a través das xefas de servicio correspondentes nese momento, Esther Álvarez Silvares e por Mª Nieves Balado Insunza, respectivamente. Dita  colaboración permitiunos ter acceso as mostras e á realización dunha serie de cuestionarios as nais voluntarias, dos cales, obtivemos a información necesaria para a posterior correlación cos niveis de contaminantes e os seus hábitos de vida.

Unha vez que que se tiveron as mostras, púxose a punto a metodoloxía analítica que permitiu a determinación de aproximadamente 70 contaminantes orgánicos de ditas matrices. Tamén abordamos a determinación de elementos metálicos e metaloides, esenciais e non esenciais, para o que establecemos unha colaboración coa Universidade de Porto en Portugal.